Tuesday 14 de May de 2024

O Pleno de Lousame aproba por unanimidade unha modificación orzamentaria de 62.000 € para mellorar os accesos ao núcleo do Castro


O Pleno de Lousame, reunido na noite de onte luns de forma extraordinaria, aprobou por unanimidade a modificación orzamentaria 24/2023 para acometer as obras de mellora dos accesos ao núcleo do Castro, así como ampliar os límites orzamentarios anuais para a correcta execución desta obra, incluída no Plan de Mellora de Camiños Rurais 2023-2024. Unha actuación orzamentada en 62.163,99 euros (sen IVE).

A alcaldesa Teresa Villaverde explicou a urxencia da sesión no feito de que “estamos cos prazos moi ao límite para poder executar a obra e se agardamos á sesión ordinaria do 29 de setembro non chegariamos para contratar”. Na actualidade, o camiño de acceso ao núcleo do Castro está asfaltado pero conta cun firme e un ancho de calzada insuficientes. As obras permitirán dotar a este camiño dun ancho constante de 3,5 metros, así como mellorar o firme existente.

No treito que se corresponde con núcleo da aldea, onde vive unha vintena de persoas, procederase a demoler o pavimento para unha posterior nivelación con cinco centímetros de zahorra e a instalación dun pavimento de formigón de 15 centímetros. Neste tramo instalarase unha canalización para a recollida das augas pluviais con dúas arquetas e dous sumidoiros.

No resto dos treitos procederase á limpeza de gabias de ambas as dúas marxes, así como a mellora da capa de rodaxe cunha capa de aglomerado de 6 centímetros en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes. En total, ampliaranse tres treitos de camiño dos 3 metros ata os 3,5 metros. Finalmente, pintaranse a marcas viarias correspondentes e colocarase un sinal de Stop.